sábado, 15 de junio de 2013

POSTAIS



"Unha sedución exquisita -conducida non só pola causa da mutua satisfacción senón tamén como acto consciente nunha vida deliberadamente fermosa- pode ser o Terrorismo Poético definitivo. O terrorista Poético compórtase como un estafador cuxo obxectivo non é o diñeiro senón o CAMBIO". Hakim Bey. CAOS: Los pasquines del anarquismo ontológico.


De súpeto todo deu un xiro. Decidín exercitar a coherencia e pasar dá escritura dixital á analóxica. Atrapado na textura plana do meu ordenador precisando estados de ánimo, tentando chegar ós outros. Alquimia de letras que mudan en bits e de novo en palabras. Respostas e afectos que sempre son dixitalizados. Bálsamos para a nosa pobre conciencia, pero que forman parte da nosa realidade como espazos de narración do cotián. Inmersos na inmediatez que as novas tecnoloxías, dispositivos e redes sociais dixitais imprimen ós nosos modos de relación e comunicación, prescindimos case por completo de cartas e postais.

Tras meses de exilio na campangne o meu compañeiro de aventuras Natanael e mais eu botabamos en falta o caos urbano e cunha curiosidade renovada decidimos re-explorar a cidade. Chegamos a Bastia a mediodía, buscamos unha praza e sentámonos nunha terraza inmersos cadanseu no seu libro, deleitándonos nesa nosa burbulla. Interromper a concentración do outro para comentar algún pasaxe, deleitarse coa beleza e o movemento un tanto maquínico dos corpos, gozar dun espazo sonoro marcado polo ruído ambiente. Nese aspecto Bastia non é moi diferente de Madrid ou A Coruña.

Natanael ten que facer recados e quedo só ante os meus pensamentos. É o momento perfecto para poñer en práctica a nova táctica nómade. As postais son unha xustaposición entre imaxe e texto e responden a unha luzada impresionista na que se condensa un estado emocional. Para o que escribe supoñe unha experiencia intensa e fugaz, un momento estelar no tempo. Escribo ós meus pais, á miña ex, o meu colega de revolución e á miña amada. 

A postal para Rosendo é unha panorámica en branco e negro dunha Torre Medieval ergueita sobre os acantilados, fronte a inmensidade do mar. Unha torre dende a que vixiar a miña illa, construída sobre o albor entre Terra e Mar e na que habitan as tensións do salvaxe, as forzas ocultas da natureza. Unha torre que quere conectar con outras torres perforando o espazo, construíndo pasadizos segredos entre os corpos. Non son as típicas postais dun turista, son as postais dun nómade que precisa establecer rutas entre illas na construción do seu arquipélago afectivo.

Onte houbo tormenta. Só pode ser interpretada como sinal de fuga. Agochado, aillado. Preciso sair, voar. Chegou a hora. Sen présas que maten. Un pouco como a política de fluxos dun enxame. Fuxir, pero bailando. Parece ser que a postal supuxo un estímulo para o meu colega. A fraternidade tribal está en marcha. Os nómades están en guerra. Pronto sucaremos xuntos a terra.


***
 Pasou xa unha semana dende que Rosendo chegou para unirse á caravana nómade. Hoxe envía a súa primeira postal dixital.



4 comentarios:

  1. Encántame. A seguir a ruta nómada compas. O apocalipse xa comezou. Bicos

    Ch.

    ResponderEliminar
  2. Roots & Rutes,Señor del Desierto.Apertas!!!

    ResponderEliminar
  3. vexo que non todo é currar por ahi adiante...igual da tempo a durmir e soñal algo ;)

    ResponderEliminar
  4. Temos dereito á posesión.O espíritu de Dionisio desafía a Kronos.O nomadismo e a fuga sonche un fertilizante ecolóxico :-) Un bico,María.

    ResponderEliminar